Podemos trazar unha liña acelerada para identificar a natureza precaria das arquitecturas da festa en Galiza. Unha liña que vai dende os seráns e foliadas para atravesar os palcos de madeira das orquestras de posguerra aos despregamentos técnicos, visuais e hidráulicos da actualidade. Tamén recorre as construcións da comisión de festas da parroquia así como as discotecas comarcais que inundaron de coches a toda velocidade por estradas secundarias entre plantacións de eucaliptos en medio de romarías espídicas e que hoxe, baleiras xa, permanecen como unha testemuña material de todo o acontecido nelas. Expresións mutantes que recollen as transformacións culturais en torno ao desexo de estar xuntos e festexar. Un desexo que non se constrúe dende a planificación, senón que se ensambla, transfórmase e nútrese dun xeito voluble, adaptándose e reflexando con precisión dita vontade. Na súa materia está encarnada toda esa información, así como os ecos de cancións pasadas, amores e desamores, pelexas, vasos rotos e barro no chan seguen a impregnar unha arquitectura tan característica como obsoleta na actualidade. Tan só hai que mirar con calma, pararse un momento e, con algo de sorte, poderemos velo emerxer.
Parte de esta xenealoxía do popular é arquivada de xeito sistemático pola mirada de Luis Díaz Díaz. A través do seu proxecto podemos reconstruír unha cartografía de parroquias, campos da festa e comisións imaxinando os itinerarios percorridos dende 2008 superpoñéndoos a un territorio de diferentes densidades de coordenadas, palcos e romarías. Os baleiros neste mapa non falan de ausencias senón de fitos aínda por rexistrar, convidándonos a asumir tamén esa tarefa. Un arquivo vivo que non só nos fala das construcións, senón de todo o que elas conteñen, onde ler a súa evolución, pero sobre todo que nos convida a reconstruír todo aquelo que queda fóra de foco, noutro tempo pero no mesmo espazo (…)
Extraído do texto “Caixas de resistencia” de Antonio Giráldez
Luis Díaz Díaz (A Coruña, 1978) é fotógrafo e actor en procesos colectivos vencellados á cultura e ao territorio.
Colaborou en medios como The New York Times ou Monocle así como con numerosos estudos de arquitectura en España e no estranxeiro. A súa obra foi exhibida en contextos nacionais e internacionais, máis recentemente na Bienal de Arquitectura de Venecia.
Formou parte do colectivo TXP e impulsou 30y3.com, unha plataforma dedicada á fotografía española contemporánea que derivou en labores de comisariado para festivais como PHotoEspaña, FFoco ou Outono Fotográfico.
O seu traballo artístico mantén unha forte conexión con Galicia, onde explora elementos e fenómenos que entrelazan a memoria coa contemporaneidade e o vernáculo co global.
Paralelamente, desenvolve laboratorios de creación visual en centros educativos do medio rural e periurbano galego, con proxectos centrados no territorio, a identidade e a memoria colectiva.