UMBRA

Baixo a sombra da Lúa

“O próximo 12 de agosto de 2026 terá lugar un acontecemento extraordinario, unha eclipse total de Sol. UMBRA nace ao abeiro de «Eclipse 2026.8.12 en Lugo», o proxecto promovido polo Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) e pola Área de Astronomía e Astrofísica da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para preparar, divulgar e facer posíbel que Lugo viva de maneira segura, participativa e colectiva a eclipse solar total.
Dentro desta iniciativa, UMBRA encárgase de construír a memoria fotográfica deste acontecemento. Desenvolvido e coordinado pola editora Dispara, co apoio da Área de Cultura da Deputación de Lugo, é un proxecto aberto á participación de todas as persoas interesadas na fotografía que pretende documentar o que aconteza arredor da eclipse na cidade e na provincia de Lugo.
O seu propósito non é reunir as mellores imaxes técnicas do fenómeno astronómico, senón mostrar todo aquilo que a eclipse provoca e transforma: a maneira en que a cidadanía se prepara, se organiza e reacciona; os cambios na luz, na natureza e no comportamento dos animais; a relación do fenómeno coa arquitectura, a paisaxe e o territorio; e as emocións compartidas durante un momento que será, para moitas persoas, inesquecíbel.
Dispara asumirá a coordinación da iniciativa, así como a recollida, selección, edición e difusión das imaxes. Este relato visual colectivo materializarase nunha exposición fotográfica e nun fotolibro cunha selección das fotografías máis destacadas, deixando un legado documental, artístico e social sobre a maneira en que Lugo e a súa provincia viviron este acontecemento histórico.”

Se queres participar e che interesa a fotografía envíanos un mail a dispara@dispara.org

Unha eclipse total de Sol é un fenómeno natural dunha espectacularidade e beleza extraordinarias. O fenómeno comeza coa fase parcial, durante a cal a Lúa vai cubrindo de maneira gradual o disco solar. A ollo nu, a mudanza é sutil e a luz do Sol vaise debilitando aos poucos. Porén, a medida que a eclipse avanza, a iluminación adquire unha tonalidade cada vez mais estraña e inquietante: as sombras vólvense máis marcadas, a temperatura descende de forma perceptíbel e o ambiente comeza a transformarse. Chega entón o instante culminante, cando o último fío de luz solar desaparece e o día semella converterse en noite. O ceo escurece, fanse visíbeis as estrelas e os planetas máis brillantes, e no lugar do Sol aparece un disco negro perfecto, envolto pola coroa solar: unha estrutura luminosa, delicada e case fantasmagórica que só pode ser contemplada durante estes breves minutos de totalidade.

O ambiente muda por completo: os paxaros deixan de cantar, os animais amosan sinais de desconcerto e as persoas presencian un espectáculo sobrecolledor que provoca emocións intensas —asombro, silencio, bágoas ou aplausos—. Trátase dun momento de marabilla e conmoción que deixa unha fonda pegada en quen o vive.

Horario da eclipse:

Lugo será un lugar privilexiado para vivir a eclipse total de Sol

Inicio eclipse parcial 19:31:40

Inicio da totalidade 20:28:02

Máximo 20:29:45

Fin totalidade 20:29:25

Fin parcial 21:22:11

E moi importante ter previsto onde imos a tomar fotografías no momento da totalidade, xa que durará dous minutos escasos, debido a isto, teremos que organizarnos: quedar con xente ou localizar o sitio que nos pareza interesante nese momento. Pero tamén fundamentalmente interésannos imaxes previas e posteriores das actividades que se poidan desenvolver ao longo dese dia.

Anímate a participar e envíanos un mail ou ponte en contacto no tel: 986584909 / 661494978

 

 

*Participar no proxecto enviando fotografías non garantiza que estas sexan expostas ou publicadas, faremos una selección do material recibido e utilizaremos estas imaxes seguindo diversos criterios da editorial. As fotografías deberán de ser en cor (por motivos de producción do libro)

*Dereitos de Imaxe: no caso de que aparezan persoas na fotografía precisamos a autorización das mesmas para utilizar a imaxe no proxecto, no caso de menores será preciso ter un permiso dos pais ou titores para que a editorial poida publicar esa fotografia (neste caso e importante ter un nº de teléfono ou forma de contacto para poder solicitar esta autorización desde a editorial.)