Tono Arias e as flores dentadas

Antón Lopo


Non sabemos se o saqueo xa tivo lugar e estas imaxes son o seu retrato, aínda que tamén poden ser as imaxes previas ao saqueo e representar o último documento dunha integridade, material ou memorial. Tampouco sabemos con certeza se Tono Arias retrata un espazo, un tempo ou unhas persoas, pero chegar a discernir o obxecto principal deste traballo -se houbese algún obxecto principal- semella irrelevante á vista desta implacable paisaxe en branco e negro, propablemente a única paisaxe cromática irreal que podamos imaxinar sen temor a equivocarnos. Se nos fixamos no espazo -na súa dimensión, na luz…- perdemos de vista o tempo -contradictorio: ateigado de pó e limpo- e ao contemplar ambos en conxunto escápasenos a natureza das personaxes: a do mesmo fotógrafo, con esa serra de derrubar carballos combada nas súas mans, como o arco de flores das danzas tradicionais: un arco de flores dentadas.

Talvez cómpre observar un a un os elementos: as caixas coas tixeiras e o paquete de Fortuna enrugado, as botas de goma do fantasma familiar, a muller sentada na cama de somier cedido, a folla de barbear… Observar sen que a nosa curiosidade ou a pericia do fotógrafo nos fagan tomar xuízos precipitados. Logo, talvez, cómpre pechar o libro -pechar os ollos- e deixar que a escuridade -a nosa propia escuridade- nos esclareza os acontecementos dese ámbito do saqueo, sexa perpetrado, inminente. Ou sexa continuo: encadeado.

A diferencia doutros creadores que, mediante a fotografía, se ocuparon do saqueo na nosa sociedade -nomeadamente, Emilio Araúxo e os seus violentos testemuños da extinción rural-, Tono Arias mostra fisicamente as persoas -colócaas no centro da paisaxe- e desenvolve os sucesos cruciais nunha vertente invisible, nun intersticio entre o pasado e o futuro. O resultado é inquietante porque, entre outras razóns, o fotógrafo concibe un presente en apariencia universal, simultáneo e o presente, porén, pronto se nos revela duplo: descubrimos, non sen un estremecemento, que as personaxes contemplan o saqueo desde as posicións lles outorga a súa visión do futuro, concibido nalgúns casos como un futuro de existencia débil. Cunha dramática sutil, Tono Arias evidencia que a nosa perspectiva sobre o pasado, e sobre a nosa posición no presente, veñen determinadas pola intensidade do futuro. É esa intensidade de futuro -ou a súa debilidade- o que nos permite interpretar o pasado con mirada cómplice ou cunha consecuente nostalxia.

O saqueo pode deixar o espazo sólido e os obxectos íntegros, pero o seu propósito derradeiro é destruír a nosa representación no futuro, expulsarnos del: que sexamos incapaces de concibir unha sobrevivencia. O poder do traballo implacable de Tono Arias reside aí: en situarnos na vertente, en desenmascarar o presente e amosarnos as súas flores dentadas.

Bio

TONO ARIAS(29 -12- 1965 DUCI-ALLARIZ )-Ourense, comenza o seu traballo como Fotógrafo de prensa e documentalista aló polos anos 80 colaborando con diversos medios de comunicación e revistas de información: (Faro de Vigo, El Correo gallego, El Progreso de Lugo, Efe, El País, El Mundo, Ingterviu, Tiempo). A partires do 92 adicase a fotografía comercial, realizando diversos traballos profesionais no ámbito da fotografía industrial, publicidade, moda, arquitectura, editorial e documental. Dende o 2004 traballa como fotógrafo independente, desenrolando o seu traballo  dende a vila da Estrada onde pon en marcha diversos proxectos editoriais e artísticos ademáis de crear un arquivo de imaxes especializado en turismo e viaxes dispoñible a través de la web : www.tonoarias-images.com . No 2012 inicia o proxecto cultural Dispara.  Libros :  “Galicia Portugal” –  “Pazos de Galicia” – “Castelos de Galicia” – “Mosteiros de Galicia” – “Costa da Morte” – “Imaxen de Galicia” – “Galicia Nai e señora” – “Polos vieiros do vello Miño” – “A Arquitectura en Galiza” – “Cuatro pueblos cuatro cocinas” – “Conventos e Mosteiros de Galicia”- “Breve historia da arte Galega” – “Galicia e o mar” – “Santiago Pedra a Pedra” – “Bestiario en Pedra” “A Pintura en Galicia” de  editorial Nigra Trea. Libros educación editorial Santillana.  ”Opus Monasticorum” – “Igrexa da Veracruz” de tresctres ed.  “El marisco en Galicia” de lunwerg.  Guias turísticas de galicia 2003. Catálogos para exposicións (xacobeo galicia 2004).  Colección de publicacións sobre monumentos recuperados para o uso turístico : “Illa de San Simón” – “Pazos de Arenteiro” – “Mosteiro Ribas de Sil” – “Mosteiro de San Clodio” – “Mosteiro de Aciveiro”.  “Luces que Guían”  libro sobre faros de Galicia 2011. Colección de libros “Cociña infantil e familiar” Ed.Ouvirmos. Exposicións : “Cuba” foto documental  e reportaxe (Outono fotográfico).  Exposición colectiva fotoperiodistas Galegos.  Carpeta colección fotografías de Santiago de Compostela para Compostela 2000, (Consorcio de Santiago-regalo institucional). Exposición colectiva obra “Ventada” concello de Santiago de Compostela. Exposición fotográfica sobre la restauración da cidade de Santiago de Compostela.  Exposición “Santiago na Memoria” (Xacobeo 2004).  Exposición Camiño de Santiago Luz y Vida (itinerante por Europa-América Xacobeo Galicia 2004). Exposición colectiva ICONOS (Outono fotográfico 2009). Exposición colectiva Xacobeo 2010 “.  Exposición colectiva “premio Luis Ksado 2010”.


Link
http://www.tonoarias.com

Deja un comentario